Wednesday 08 de May de 2024

O Concello de Boqueixón acollerá o 2 de xuño unha xornada de sendeirismo a través do programa ‘Goza do Ulla’


A iniciativa agrupa 20 concello das provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo e que teñen este curso fluvial como nexo común

O Concello de Boqueixón acollerá o próximo sábado 2 de xuño unha das xornadas do programa Goza do Ulla. Esta iniciativa, desenvolvida conxuntamente por unha vintena de concellos que cruza este río ao seu paso polas provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo, ofrecerá un percorrido polo Roteiro dos Pescadores e Río Grande. Trátase dunha travesía de preto de 10 quilómetros, de dificultade media-baixa, que se tardaría aproximadamente dúas horas en percorrer.

As inscripcións, de carácter gratuíto, deberanse formalizar no Departamento de Turismo de Boqueixón, a través do teléfono 981 513 061 ou no e-mail boqueixonturismo@gmail.com. Dende o Concello animan á veciñanza e visitantes a gozaren deste fermoso percorrido.

O punto de encontro será a Área Recreativa de San Paio (parroquia de Codeso) ás 10.00 horas, onde un autobús recollerá aos participantes para despois trasladalos ao punto de partida, Ponte Ledesma. Neste lugar, os sendeiristas poderán coñecer, tal e como indican dende o Concello de Boqueixón, “un conxunto etnográfico moi importante, coma a Igrexa Parroquial Divino Salvador de Ledesma, a Ponte Vella de Ledesma e as Ínsuas de Gres sobre o Ulla”.

Dende este punto comezará o roteiro dos Pescadores, incluído nunha zona da Rede Natura 2000, que levará aos participantes por espazos de grande beleza natural ata a parroquia de Donas, a máis pequena de todo o municipio boqueixonés. Continuará o percorrido polo roteiro do Río Grande que pasa pola Capela de San Paio en Codeso para despois finalizar na fervenza do río Pontillón –afluente do Ulla-, un enclave de gran beleza.

Sobre o programa Goza do Ulla

O programa Goza do Ulla comezou no ano 2011 coa participación de cinco concellos e desde entón a iniciativa medrou ata contar neste 2018 cun total de 20 municipios de tres provincias polos que discorre este río. Estes son A Estrada, Agolada, Antas de Ulla, Arzúa, Boqueixón, Catoira, Dodro, Monterroso, Padrón, Palas de Rei, Pontecesures, Rianxo, Santiso, Silleda, Teo, Touro, Valga, Vedra, Vila de Cruces e Vilagarcía.

A primeira das actividades dará comezo no concello de Monterroso o sábado 26 de maio. Desenvolverase en diversas fins de semana rematando o día 28 de outubro.

O programa Goza do Ulla foi presentado recentemente en Vilagarcía de Arousa, contando coa asistencia de representantes de todos os concellos participantes. O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, asistiu a dito acto de presentación.